jueves, 10 de abril de 2014

Xantar cogumelos


cogumelos_pedro_rocaGrandes sitios para xantar de outono en Galicia (cogumelos e caza)

Na foto, algúns dos pratos de cogumelos que elabora Pedro Roca.
Que o outono é unha das estacións máis felices gastronomicamente falando (só comparable a eses meses de maio e xuño no que a horta volve ao seu esplendo) é algo no que coincidimos moita xente. E que tanto os cogumelos como a caza son dúas despensas outonais que en Galicia abundan de xeito privilexiado é máis que evidente. Así que van aquí algunhas recomendacións para disfrutar da comida de outono agora que a tempada de caza aínda está a comezar. É basicamente imposible reflectir todos os sitios interesantes para unha gastronomía de caza en Galicia, pero anímovos a deixar outras recomendacións nos comentarios.
-Restaurante Pedro Roca. Santiago de Compostela. Xa dimos a primicia o outro día en Capítulo Cero e acertamos. A “taberna micolóxica” de Pedro Roca é un auténtico luxo asiático. Eu non dubidaría en situar esta cociña de cogumelos que ofrece estes meses Pedro Roca como unha das cinco mellores de todo o Estado, sen coña ningunha. A “taberna micolóxica” permite tomar tapas e racións, pero se teñen tempo e gañas, déixense levar por Pedro e que lles faga un menú (sobre uns 40€ por persoa). Verán pratazos como o deste collage. Se teñen pouco tempo ou non queren gastar moito, eu petiscaría o chourizo de cogumelos e esa impresionante pizza de cogumelos.
-Mesón de Lázaro. Santiago. Un dos templos composteláns da caza, pero tamén dos cogumelos. Imprescindible para a cociña de tempada.
-Chef Rivera. Padrón. O chef é un valor seguro na gastronomía da caza ullá. Próbenlle a perdiz ao espeto. Pero eu non desbotaría nada do seu menú específico de caza, que combina a boa tradición gastronómica padronesa cos toques franceses dun cociñeiro que admira o clasicismo galo.
-Casa Ramallo. Rois. Máis de cen anos acreditan o saber facer desta casa, na que priman os estofados e cocidos de longa duración. Dominan moi ben a caza de pluma -faisán, perdiz-, pero eu sonlles do seu xabarín ou corzo. A clave son os pratos, elaborados de acordo con estas receitas pacegas de finais do XIX e do XX, usando confituras, torradas e deliciosos purés de patacas.
-Cierto Blanco. Calo (Teo). Un clásico da guía da bata branca (restaurante de médicos). Cociña ben tradicional na que sobrancean os guisos de caza en tempada.
-Restaurante Pandemonium. Cambados. O chef Antonio Botana ofrece un menú outonal, baseado nos cogumelos que recolle el mesmo nos montes do Salnés e comarcas próximas, a 36€. Aquí vos queda.
-Casa Victoria. Forcarei. Esta excelente casa de comidas tradicionais prepara a caza por encargo. A súa especialidade son as fabas con lebre, que quitan o sentido. Lembren de reservar un par de días antes para as cousas de caza.
-Casa Aurelio. Santa Comba. Guisos de caza que se poden maridar cunha excelente selección de viños -unha das fortalezas desta casa-. O de máis sona é a perdiz con verduras.
-Restaurante España. Lugo. Héctor López elabora unha interesante proposta de caza, preparada desde conceptos contemporáneos, que actualiza a rica tradición da súa casa.
-Casa Beba. O Incio. Esta marabillosa casa destaca pola súa caza nestas fermosas montañas orientais. Xa saben que é unha das nosas casas de comidas preferidas cando viaxamos cunqueirianamente no tempo polo vello Reino.
-O Ateneo. Piñor. Erundina Vázquez, unha auténtica matriarca da cociña tradicional, ofrece tamén caza. Mellor chamar antes.
-Casa Descalzo. Taboada. Este incrible sitio, nada fácil de atopar malia estar no centro da pequena vila de Taboada, é o epicentro dos xantares de celebración dos curas desta comarca, así que con iso xa lles digo todo. A caza fanna por encargo.
-Casa Villar. Fonsagrada. Outra matriarca da gastronomía tradicional ofrece, por encargo, caza na súa casa de comidas de Parada Vella. E os GTs de despois son únicos en centos de quilómetros á redonda.

No hay comentarios:

Publicar un comentario